Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol
A nosa sección sindical é relativamente nova: constituíuse no ano 2018. Foi unha decisión unánime do Sector Crítico de CCOO da nosa factoría.
Un dos aspectos que provocaban constantes enfrontamentos no seo de CCOO era a actitude ante a subcontratación e os traballadores subcontratados.
A finais do 2017, as compañías auxiliares iniciaron unha folga indefinida. Durante os seus 22 días, CCOO actuou descaradamente ao servizo da patronal, tentando por tódolos medios rebentar a folga. Esta foi a derradeira pinga, o punto de inflexión definitivo.
Iniciamos unha reflexión colectiva sobre a situación e o futuro do sindicalismo. Decidimos que era mellor comezar de cero cunha man diante e outra atrás, que seguir nun sindicato que estaba ó servizo da empresa. Analizamos as posibilidades todas: ¿organizar un colectivo sindical de empresa ou unirse a un sindicato de clase? ¿Afiliarnos a un sindicato xa existente na nosa fábrica ou formar un novo?
A decisión final, tamén unánime, foi que había que ir a un sindicato (porque os colectivos de empresa rematan, a longo prazo, no corporativismo), que era mellor ir a un novo (para ter as mans totalmente libres para impulsar o sindicalismo combativo, de clase e asembleario) e que a opción era a CGT.
Fixamos unha cita na Coruña e xuntámonos con dous responsables, explicámoslle quen eramos e que queríamos, pero puxemos unha condición para ingresar na CGT: queriamos formar unha única sección sindical para os traballadores todos da factoría, sen distinguir entre principais e compañías.
Diagnóstico da situación
A división que vemos hoxe dentro das grandes empresas, incluídas as públicas, é tremendamente negativa: división entre fixos e temporais, división en función da antigüidade (dobres escalas de dereitos), división entre os da principal e os das contratas, división dos traballadores das contratas entre multitude de empresas, división incluso entre os traballadores dun mesmo empresario que opera con máis dunha compañía…
Aínda por riba, a subcontratación é en moitas ocasións en cadea, o que agrava os seus efectos. Obviamente, canto máis abaixo na cadea de subcontratación, peores condicións laborais.
Todas estas divisións favorecen a explotación dos traballadores e son tan prexudiciais como as divisións gremialistas contra as que o sindicalismo de clase tivo que loitar durante o seu proceso de formación.
Un enfoque de clase ante a subcontratación
Un factor decisivo para que se dea esta situación é a complicidade dos sindicatos maioritarios da empresa principal, que asumen un modelo de negocio baseado na subcontratación masiva e tratan ós subcontratados como traballadores de segunda (ou de terceira, ou de cuarta…). En calquera factoría de Navantia hai múltiples exemplos diso.
Se esta situación fose unha excepción, se só ocorrese en Navantia, podería atribuírse a causas particulares. Pero non é unha excepción. As seccións sindicais dos sindicatos maioritarios das grandes empresas de todo o país levan anos abandonando á súa sorte ós traballadores subcontratados, e tamén opoñéndose ás súas loitas cando a explotación que sofren provoca un estoupido.
Superar todas esas divisións creadas polos empresarios e actuar dentro de cada factoría coma un único movemento obreiro, que o problema duns sexa o problema de todos, é unha cuestión de ser ou non ser para o sindicalismo de clase.
Superar as divisións
O primeiro para loitar contra todo isto é opoñerse ós procesos de destrución de emprego digno e fixo nas empresas principais, para evitar que a situación siga a dexenerar.
O segundo, loitar por unhas condicións laborais dignas comúns para tódolos subcontratados, pola equiparación salarial entre as contratas e a principal, pola contratación directa pola principal, etc.
E o terceiro, impulsar unha dinámica sindical conxunta entre tódolos traballadores do recinto.
Haberá quen cualifique este enfoque de pouco “realista”, pero o certo é que os intereses xerais son comúns para os traballadores todos. Por iso somos unha clase social, a clase obreira, e por iso as mellores armas para conseguir as nosas reivindicacións son a unidade e a loita.
A nosa sección sindical
Nosoutros quixemos comezar a reconstruír esa unidade constituíndo a Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol.
Unitaria porque queremos unir os traballadores todos da nosa factoría. Un dos nosos alicerces é ese principio básico do movemento obreiro chamado SOLIDARIEDADE, tan esquecido polo sindicalismo oficial. A unión fai forza.
E somos unha sección sindical “en” Navantia-Ferrol (e non “de” Navantia-Ferrol) porque non nos consideramos sindicalistas de Navantia-Ferrol, senón sindicalistas a secas: loitamos polos intereses dos traballadores todos porque formamos unha soa clase. Todos imos no mesmo barco, e nós, traballadores e traballadoras do sector naval, debemos ser os primeiros conscientes disto.
Estas ideas non só as escribimos “discretamente” en textos coma este. É o noso discurso público na fábrica. E con el obtivemos tres delegados nas primeiras eleccións ás que concorremos (2019), ficando a só un voto de conseguir o cuarto.
Unha anécdota en relación a isto. Cando estabamos a preparar esas eleccións, un traballador da industria auxiliar díxonos: “Oes, do da subcontratación non digades nada na propaganda, que vos saca votos”. A nosa resposta foi: “Iso vai ser o primeiro. É o que pensamos e, ademais, mañá, cando haxa un conflito na industria auxiliar, a CGT daravos total apoio, e á parte insolidaria da principal poderemos dicirlle: “Non enganamos a ninguén, estamos a facer o que levabamos no programa e dixemos que iamos facer. Quen nos votou sabía o que votaba”.
Do que se trata é de ser coherentes cos nosos xuízos, no canto de ceder ós prexuízos dos demais (aínda que sexan maioritarios). O tempo, que dá e saca razóns, decidirá que sindicalismo serve para defender os intereses xerais da clase obreira.
Como vencer a desconfianza
Somos plenamente conscientes das dificultades para construír o sindicato entre os compañeiros subcontratados por mor do todo o dano causado polo réxime de “apartheid” que CCOO e UGT practican dende hai anos.
A primeira desas dificultades é a desconfianza cara a todo o que proveña da principal. Por iso o único xeito de reconstruír a unidade de clase na fábrica é demostrando con feitos que defendes a tódolos traballadores, non só ós da “túa” empresa.
O noso enfoque é estratéxico. Sabemos que vai levar tempo. Aínda non podemos dicir que teñamos organización na industria auxiliar. Pero xa temos afiliados en seis compañías diferentes. É un primeiro paso. Estamos seguros de que seguirán máis.
Nota: Nin que dicir ten que a CGT da Coruña aceptou a condición que puxemos 😉
2-Outubro-2022
[Este artículo se publicó en el Libre Pensamiento número 112 de otoño de 2022]